martes, 11 de febrero de 2025

Pequeno resumo destos días! Aula 2-3 anos

Ola de novo familias!

Aínda que xa vos contamos día a día todo o que imos facendo, aquí vos vai un resumo gráfico para que nos vexades en plena acción!

 1. Monstruos de cores: entre as diferentes actividades que realizamos para traballar o sopro (soprar axuda ao desenvolvemento da linguaxe en canto á pronunciación e consolidación dos fonemas, axuda a desenvolver a capacidade pulmonar, fainos ser máis conscientes da respiración e do seu control...) está a creación dos nosos monstruos/bechos de cores. Puxemos en cartulina branca varios pegotes de pintura de cores líquida, e coa axuda dunha palliña, ou sen ela, sopramos e sopramos e sopramos. Qué difícil foi! Pero pasamos uns ratos ben divertidos e nos axudamos os uns aos outros!

 Mirade os resultados:




2. Pintamos sobre papel de aluminio (coñecemos así unha nova técnica para pintar): pintamos de cor azul con rotuladores sobre papel de aluminio. Pulverizamos auga sobre o papel de aluminio para logo colocar enriba o folio no que estaba o iglú. Apretamos un pouco o folio sobre o papel de aluminio, retiramos con coidado e o iglú apareceu estampado de azul!


3. Clasificamos por cores: a través das clasificacións traballamos a lóxica matemática, o razoamento lóxico, a atención e concentración, as cores, a memoria visual, o sentido da vista... Comezamos clasificando por cores as pezas de construcción, cando de repente a alguén se lle acordou que tamén podíamos clasificar diferentes xoguetes/obxectos que iamos atopando na aula! qué boa idea!! 

Mirade!!! 👀👀


4. Ruleta das cores: material facilísimo de crear e que axuda a desenvolver diferentes aspectos como son a psicomotricidade fina, a lóxica matemática, a atención e concentración, o sentido da vista... Só necesitamos pintar unha ruleta de diferentes cores e pinzas, moitas pinzas! E xa vedes... ás veces colocámolas onde nos cadra! 😁😂




5. Mural do inverno: seguimos a traballar o inverno e para ambientar a aula fixemos un mural. Colocamos os copos de neve (discos de algodón que serven para traballar textura suave e cor branco), pintamos diferentes prendas que empregamos no inverno... E así temos un anaco do inverno na nosa aula. Gústavos? O malo é que toda esta roupa no tendal baixo os copos de neve cremos que non vai dar secado... 😅

En todo este proceso traballamos a psicomotricidade fina, vocabulario e linguaxe sobre o inverno, expresión oral, tempo meteorolóxico durante o inverno...




6. Ioga: algo que nos encanta e nos relaxa é practicar ioga. Apórtanos unha serie de beneficios a todos os niveis (físico, emocional e mental), tanto a nivel individual como grupal. Axúdanos a tomar maior conciencia do noso corpo, do esquema corporal e desenvolver o equilibrio, a forza, flexibilidade, concentración, autoestima e forza de vontade. 

Practicando estas posturas baseadas en movementos de animais, insectos, aves, en formas como o triángulo, cadrado... os nen@s incrementan así a súa capacidade de atención e son capaces de relaxar a súa mente e concentrarse. Por isto, entre outros moitos motivos, é tan importante vir á escola con roupa ben cómoda e apta para trotar e reptar.


7. Pintamos no chan: é algo que nos encanta, pintar con xices no chan. Pintamos formas, números, letras, símbolos, xogos tradicionais como a mariola, debuxo libre... todo o que nos apeteza! Facendo trazos grandes e longos favorecemos a movilidade global dos brazos e facendo trazos máis pequenos, a das mans e dedos (coordinación óculo-manual). Ademáis potenciamos a imaxinación e creatividade, a concentración, o desenvolvemento físico, cognitivo e emocional... E os hábitos de limpeza, orde e recollida, porque sí, cando rematamos deixamos o chan ben limpiño!

8. E por último: na nosa aula xa se cheira o entroido... hoxe apareceron dúas caixas cheas de disfraces e complementos! Quitamos os nosos zapatos e puxemos calzado que había nelas, vestimos diferentes disfraces e complementos practicando así as habilidades de vestido e desvestido, fomentando a autonomía... 

Estas caixas chegaron para quedarse ata que remate o entroido! Co que nos gusta a nós a festa!

Próximamente recibiredes información sobre o entroido na escola. Preparad@s??






      ALBA

Aula 2-3 anos




2 comentarios:

  1. Y aquí vemos la pasión, dedicación y paciencia de nuestra profe 😉😚
    Imagino lo bien que se lo pasan los peques... 😊

    ResponderEliminar
  2. Fantástico!!!! Da gusto ver o ben que o pasan as crianzas con todas estas propostas!!! Apertas para tod@ a gran familia da escola . Mónica.

    ResponderEliminar