Ola de novo familias!
Despois duns pequenos problemas técnicos, aquí estamos de novo para contarvos o que fixemos últimamente na aula de 2-3 anos. Estades preparados?
Estamos a traballar o INVERNO e todo o que rodea a esta estación do ano: tempo meteorolóxico e natureza, prendas de roupa, cores, Polo Norte e Polo Sur, animais... polo que organizamos diferentes experiencias co fin de aprender xogando e experimentando libremente.
- Xa sabedes que nos encanta levar pintadas nas mans as primeiras letras dos nosos nomes. Así que tamén aproveitamos para pintalas de cor azul con ceras (traballando así a atención e a concentración, os trazos, a coordinación ollo-man, a psicomotricidade fina...)
- Encántanos xogar coa plastilina, por iso varios días adicamos algún tempo para isto. Desenvolvemos a psicomotricidade fina ao poñer en xogo os movementos finos das nosas mans e dedos e empregamos tamén coitelos e diferentes utensilios para experimentar coa plastilina (rodillos, moldes...) Ademais é unha actividade que nos fai baixar revolucións e quedamos ben relaxad@s 😄
Mentres estamos a realizar esta actividade desenvolvemos a atención e a lóxica matemática (facemos boliñas que colocamos unha tras outra facendo seriacións, contamos as boliñas, logo unímolas todas facendo unha grande... polo que traballamos números, tamaños...), desenvolvemos os nosos sentidos (vista, olfacto e tacto)...
- Fixemos un boneco de neve: na base dunha bolsa grande de tea blanca colocamos area; fixemos bolas de papel de periódico para encher esta bolsa e facer así o corpo e a cabeza do boneco; debuxámoslle os ollos e lle colocamos unha bufanda e un gorro. Convertíuse nun máis da nosa aula! Está todos os días con nós. Ás veces sentámolo nunha das nosas cadeiras, outras veces poñémolo no medio do corro que facemos dándonos as mans e bailamos ao seu redor, outras veces "mareámolo" un poco levándoo dun lado para outro... Pois aínda lle quedan moitos días na aula! Esperemos que non se canse de nós 😊
- Cancións e bailes sobre o inverno! Traballamos así o desenvolvemento da linguaxe, a psicomotricidade grosa, o esquema corporal, o equilibrio...
- Xogamos con roupa de inverno que temos nunha caixa na aula: gorros, bufandas, calcetíns...
- Decoramos o hall da escola cunha árbore de inverno colocando discos de algodón simulando a neve. Tedes que ir a vela!!
- Instalación do inverno/Polo Norte e Polo Sur: un día entramos na aula e... SORPRESA! Mirade o que nos atopamos:
Creamos unha instalación con material relacionado co inverno para poder experimentar libremente: bandexas con xeos de diferentes formas (algúns tintadosde azul); animais do Polo Norte e do Polo Sur; culleres e cuencos; neve artificial...
Este tipo de propostas invitan a que nenos e nenas observen, pensen, manipulen, experimenten e poidan dar se queren novos significados ás cousas. Somos os adultos os encargados de preparar previamente o ambiente e os materiais e colocalos de xeito atractivo para as nenas e nenos.
Estas propostas adoitan ter moitísimo éxito porque nenas e nenos poñen en xogo todos os seus sentidos. Son unha ferramenta de APRENDIZAXE xa que o XOGO para nenas e nenos é APRENDIZAXE CONSTANTE. De ahí a súa gran importancia nestas idades:
O XOGO COMO MOTOR DE DESENVOLVEMENTO INTEGRAL!
- Outro día rasgamos papel de seda branco e fixemos boliñas para pegar despois nuns bonecos de neve que fixemos cada un de nós. Desenvolvemos así a psicomotricidade fina, a atención e a concentración, a frustración, dar e recibir axuda dos demáis...
No noso día a día seguimos co XOGO SIMBÓLICO a través do cal os adultos podemos observar a maduración dos nenos e nenas, así como a aprendizaxe que van adquirindo do seu entorno. A capacidade simbólica permite que poidan recrear situacións e representar diferentes personaxes, o que incentiva o sseu inxenio e creatividade, potenciando tamén a socialización.
A través do xogo simbólico amosan todo o que poden imaxinar e recrear en función do coñecemento que teñen da realidade, que cada vez será maior. Algúns dos seus beneficios:
- Desenvolvemento cognitivo.
- Desenvolvemento da creatividade e da imaxinación.
- Ferramenta de expresión e resolución dos seus conflictos internos.
- Fomento da socialización cos iguais e cos adultos.
- Autocoñecemento e actitude crítica.
- Desenvolvemento de habilidades comunicativas.
- Creación do RECUNCHO DAS FAMILIAS!!!! Grazas á vosa participación e implicación, xa temos creado o noso recunho das familias, o recuncho máis significativo e importante da aula para todos os nenos e nenas. É unha verdadeira mágoa que non poidades ver as súas caras cando observan as fotos da súa familia, cómo se ensinan as fotos os uns aos outros, como nos contan a todos na asamblea quenes forman parte da súa familia...
Están colocadas todas ao seu alcance, con velcro para pegar e despegar (por iso pedín que viñeran plastificadas, porque son manipuladas por eles/elas), e poden collelas sempre que queiran, con total liberdade. É un xeito de que vós, FAMILIAS, estedes aínda máis presente no día a día da aula e poder traballar a diversidade familiar.
Grazas de novo pola vosa implicación no día a día da escola.
E... próximamente nova entrada! Estade ben atent@s! 😊
ALBA
Aula 2-3 anos